Así foi LibreTeo 2.0

Software libre | Cultura libre | Coñecemento libre


1 de abril de 2017 no Auditorio Constante Liste da Ramallosa (Teo)

@libreteo | @libreteo | /libreteo | @libreteo | UCiVcncL5XfhoVIj96TlVzVg | info@libreteo.gal

A xente saiu do LibreTeo 2.0 quedando xa para volver a vernos na edición de 2018. Marchaba contenta e interesada por aquelo que aprendeu. Con ganas de saber máis e de seguir investigando. Nós estamos moi contentos por esta acollida e para os que non puideron vir queremos deixar unha mostra do que se fixo aquel 1 de abril de 2017.

TeoLAN (Ok, TinyTeoLAN)
Aprende e comparte o que sabes. En rede.

Ali estabamos un grupiño de xente aficionada á informática compartindo coñecemento. Aprendimos sobre máquinas virtuais, sobre wikis, e houbo xente que probou Linux por primeira vez. O ambiente foi moi agradable pero o tempo non chegou para case nada! Queremos máis e estamos dándolle voltas a unha idea.

Electrónica básica
Por Vermis Lab

A rapazada pasouno xenial neste obradoiro e sairon asombrados coas súas propias invencións. En principio contabamos con facer unha única sesión pero apuntáronse tantos que houbo que facer dúas. VermisLAB son uns cracks e hoxe temos máis futuros científicos/as en Teo que antes.

Arduino dende cero
Por Rafa Couto

Aquel 1 de abril celebrábase mundialmente o Arduino Day e no LibreTeo contamos cun guía de luxo para o obradoiro de Arduino. Rafa Couto prometera un obradoiro de Arduino dende cero, para que xente que non coñece esta tecnoloxia descubra todo o seu potencial e quede con ganas de seguir investigando. E así foi.

Obradoiro Lúdico Activo (OLA)
Por Mancuco Animación

Mancuco Animación repetiu en LibreTeo cargado de ideas para que aos máis cativos se lles pasara o día voando. Fixeron xogos de programación, de acción, de pistas, xogos musicais, obradoiros e tamén tiveron un contacontos. Pasárono xenial e de paso aprenderon un montón de cousas.

Webserie «Galicia Crime»
Con Pedro Brandariz

Coa presenza ao vivo do sarxento Pillei desfrutamos da proxección dos tres primeiros episodios da webserie Galicia Crime, que está petando Internet co seu humor surrealista. O público escachou coa risa e Pedro contou anécdotas da rodaxe. Se ainda non coñeces esta webserie pasa correndo a www.galiciacrime.com a poñerte ao día!

Instagram na túa man
Por Julia Antonio

Foi un pracer contar con Julia Antonio, early adopter de Instagram no noso pais, compartindo nun obradoiro o seu coñecemento e experiencia(s) coa app máis popular para publicar imaxes desde dispositivos móbiles. Os seus alumnos coñeceron técnicas para facer mellores fotos e as puxeron en práctica.

Edición de audio e podcasting
Por Jorge Lama

Un ano máis, Jorge Lama implicouse moitísimo co LibreTeo e ademáis de participar na TeoLAN impartiu un obradoiro de edición de audio e podcasting que superou en inscricións o número de prazas dispoñibles. Os alumnos/as de Jorge saíron moi contentos co aprendido e con ganas de poñer en marcha o seu propio podcast.

Photocall Star Wars
Coa Tropa Korriban

Veu a Tropa Korriban! Moitos pequenos (e non tan pequenos) non durmiron a noite anterior sabendo que ían facerse fotos coas tropas imperiais e os rebeldes. Tivemos un R2-D2 construido por un xoven membro da tropa, auténtico maker e tremendo exemplo do que se pode chegar a facer compartindo coñecemento e tecnoloxía libre.

Short Wars
Unha fan-movie galega sobre Star Wars?

E para pechar LibreTeo 2.0, unha tarde de cine. Proxectamos unha ducia de curtametraxes feitas por fans de Star Wars de todo o mundo, subtituladas por primeira vez en galego. E logo das proxeccións, un interesante coloquio con xente do audiovisual galego e a Tropa Korriban sobre que fai falta para chegar a facer unha fan-movie de Star Wars en Galicia.